Thursday 09 de May de 2024

Os Reis Magos achegaranse ao Mercado de Moeche este sábado, pero gardando as distancias


As SS.MM. visitarán a rapazada ás 13.15h., como ramo dunha mañá chea de actividades

 

Recén estreado o 2021, o Mercado de Moeche recupera a súa actividade comercial tras a breve ponte do pasado día 26. E farao acollendo, ademais, o remate das actividades do Nadal programadas polo Concello, quen ofrecerá obradoiros para as nenas e nenos, animación musical, teatro familiar e a visita dos Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán polo recinto para ver como traballa a cativería nas actividades propostas desde media mañá e tamén para recolleren as cartas depositadas na caixa de correos real colocada no acceso principal. Virán sobre as 13.00h., saudarán aos pequenos mantendo as distancias e marcharán. Por motivos preventivos, as SS.MM. non poderán dar os tradicionais caramelos, algo que a rapazada -a máis concienciada coas restricións da pandemia- seguramente saberá comprender. En calquera caso, cómpre recordar que para participar nos obradoiros fai falla inscrición previa ata o venres 1 de xaneiro ás 14.00h. enviando un mail a correo@moeche.gal, ou tata o mércores 30 chamando ao 981 404 006.

Os obradoiros desenvolveranse en dúas quendas, unha ás 11.00 e outra ás 12.00h. para un máximo de 10 nenas e nenos de cada vez. Nun deles poderán xogar co slime -algo parecido ao blandiblub de toda a vida- e no outro terán oportunidade de escribirlles a carta aos Reis Magos, todo rodeado da animación musical de La GuaGua, quen tivo que adaptar os seus espectáculos de animación infantil ás novas esixencias preventivas.

Tamén haberá teatro para toda a familia con Lidia Botana e o seu espectáculo Feira de linguas, a partir das 12.30 horas. Será a antesala da visita real, prevista para as 13.15h. As Súas Maxestades de Oriente pasarán pola nave do Mercado co obxectivo de recoller eles mesmos as cartas que lles deixemos na caixa de correos situada á entrada do recinto, pero tamén para ver como participa a rapazada nos obradoiros e saudala mantendo certa distancia. Tal e como marca o protocolo da Xunta, este ano -por primeira vez desde que hai memoria deles- os Magos non entregarán caramelos nin collerán os pequenos no colo, aínda que é ben sabido que coas cartas no peto e co saúdo lles será máis que suficiente para saber que desexos deberán cumprir na noite do 5 ao 6 de xaneiro.

Por outra banda, o Mercado ofrecerá de novo unha boa oportunidade de facer compras de produtos variados e da máxima calidade. Con cada unha levaremos un agasallo moi doce e, ademais, a rifa para participar no sorteo do día: unha cesta infantil, un lote de libros e un bono familiar para a temporada 2021 da piscina municipal (se non puidese abrir, o bono sería valedoiro para a temporada 2022). Na rifa entrarán os boletos non premiados nos sorteos celebrados nas citas do día 12 e do 19 de decembro.